XOAN LEICEAGA BALTAR

IN MEMORIAM

LUS

Estas verbas escritas apresuradamente, por estas anhelantes mans, so teñen sentido por ti

Moitos que te coñecen salientan túa ética incorruptíbel, túa absoluta coherencia, home de irrenunciábel dignidade, único, brillante

Fostes, es, serás lus, faro, tamén candil na longa noite de pedra, Ulises fronte ó Ciclope e Poseidón; e Sócrates, rebelde e xusto, insumisión, inxenio

Quédanos teu amor, porque con el puidemos descubrir e amar ó Derzú Uzalá de Kurosawa, a Roma città aperta de Rossellini, a Rocco e i suoi fratelli de Visconti, a Los Olvidados de Buñuel, a Zushio e Anju do Sansho Dayu de Mizoguchi, a todo Darío Fo, Bertolt Brecht, Darío Jaramillo, Gonzalo Rojas, Antonio Gamoneda, a Vida Secreta de Pascal Quignard, a Fellini, a Neruda, ó Accattone de Pasolini, a Jardiel Poncela, ó inigualábel Maqroll el gaviero de Mutis, as Conversas en Compostela con Carballo Calero, a Castelao, a Rosalía, ó Zeca José Afonso, e Omara Portuondo

E por riba de todos, endexamais esqueceremos ó xenio de Eisenach, o inmenso Johann Sebastian. Coma dixo Wagner cando lle preguntaron por Bach “¿Regueiro? … mais ben o mar”. So escoitando as Suites para violonchelo solo é un quen de entender teu amor, querido profesor e pai

Túa poesía é semente, alicerce para todos nos, para os teus netos, Manuel, Aldara, Iago e Candela; porque ben sabías que a poesía non é de quen a escreve, senón de quen a necesita. Esa poesía descrita por ti como mestura de alquimia e arte, refuxio e remedio fronte a estulticia noxenta que envenena esta Galiza, polo que tanto loitaches e que segue anestesiada, colonia de outra colonia, que xa nin sabe quen é

Ficas nesta derradeira parada á sombra deste amado árbore, símbolo de vida, espello do fermosísimo e fértil mar de Noia. E nos, agora esvaídos, ó teu carón. Aquí estamos unha pequena parte dos que te queremos, somos todos os que están, non están todos os que son

Ti tamén es culpábel de que sexamos homes íntegros e comprometidos, titáns; mulleres de enorme corazón, boas e xenerosas, intelixentes, inquedas, inabarcábeis

Xan, de ti cada pincelada expresa, nin máis nin menos que a vida enteira. Xa estás no Torlal, terra e mar, hojarasca, túa Itaca.

Ningúen o definiría mellor que nosa Maruxiña, túa filla, quen estremecida e abrazada a ti, puro amor, confesouche case no teu derradeiro alento … “Papá, foi maravilloso”

Teu fillo, Xan

Xoan Leiceaga Baltar

Falecido o 22 novembro do 2017